viernes, 17 de mayo de 2024

Tinta do mar

17 de maio. Día das Letras Galegas. Luisa Villalta.
Tinta do mar

Tinta do mar, escrebo, cando toca

as escumas da letra e o seu son

obstinado de baixo contra a roca

da man a producí-lo en percusión.



Rítmico, o pensamento, o son mais leve.

cai goleando o tempo reincidente

ao muíño teimoso que recebe

a água azul-negra da memória quente.



Así, tinta do mar, e logo nube

a pairar sobre os ciclos deste mundo.

Estrépito é o eco cando sube

da escura palabra en que me fundo.



E o mar, interminábel danza, borra

o nome escrito sen que o ritmo morra.

 

Vídeo cos membros do desaparecido grupo Quinta Feira, Marcos Seixo, Tito Maquieira, Toño Dominguez e Roi Xesteira, interpretaron, entre outras pezas, Tinta do mar de Luisa Villalta.


 

sábado, 11 de mayo de 2024

Tras os pasos da pluma de Wenceslao.

O sábado 11 de maio de 2024 en Villa Florentina, sede da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, tivo lugar o primeiro evento público que convoca a Asociación Cultural Club Estilográfico Noroeste.

O acto comezou cunha pequena introdución ao tema proposto: Parker 61, Parker 51 e Parker 21.

Uniuse a nós Laura, da canle de YouTube @azaharaletras, e Borja. Laura coordina tamén as webs azaharaestilograficas.com e azaharaletras.com. Amosounos as súas estilográficas Parker, entre elas esta venerable preciosidade de Parker 61 Mk I.


Foi unha mañá moi agradable na que compartimos as nosas estilográficas, probámolas, algunha foi desarmada e armada ( non sobrou nin faltou ningunha peza ). Tivemos a sorte de ver como é o interior do mecanismo de carga por capilaridade dunha Parker 61 ( Non o proben na súa casa  ), xa que correspondía a unha peza rota.

Houbo momento para risas, tomas falsas, para un bo café ou té acompañado de ricos biscoitos, todo iso en moi boa compañía.

Grazas a Alicia e a Teresa, da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, por facernos sentir como na casa.

O evento de xuño de 2024 será unha colaboración coa Fundación, un obradoiro de estilográficas para a mocidade e tamén para non tan novos.

Se queredes ver o vídeo de Laura, podes facelo aquí.


 

Referencia de prensa La Voz de Galicia sobre a reunión:

La Voz de Galicia, xoves 9 de maio de 2024.